4.6.10

Malas novas, actividade 25

É dinámica habitual nestes tempos prender a radio ou a televisión e escoitar malas novas. Hoxe pasoume iso e o que escoitei dáme pé a propoñerche unha nova actividade. Busca na rede información sobre o problema laboral ao que se enfrontan os traballadores da fábrica CISA en Calatayud, resume a nova, expresa a túa opinión e contesta as seguintes preguntas:

-Que é unha deslocalización?

-Por que a empresa quere levar a produción a Turquía?

-Que é un comité de empresa?

Podes escoitar a noticia no Programa Hoy por Hoy da cadena Ser (venres, 4 de xuño do 2010, sobre as 09:15 da mañá), tes que ir á páxina web e buscar o programa dese día.

Tamén podes formar a túa opinión lendo moitos blogs e páxinas web, entra neste, por exemplo, e mira as viñetas humorísticas que inclúe, cal che gusta máis, por que?

28.5.10

Siglas e máis siglas, actividade 24

Diante das noticias económicas que nos abafan estes días, diante das novas en xeral e tamén diante das xestións que deberiamos facer para levar adiante o noso proxecto, xorden unha chea de siglas ás que a miúdo non lles sabemos atopar significado.
Busca en internet o significado das seguintes: IPC, CEOE, CIG, CUT, SMI, UGT, CCOO, PIB, IRPF, IVE, FMI, ETT, BCE, ERE, TAE.

21.5.10

In english, actividade 23


O inglés é unha lingua que ten un carácter instrumental moi marcado no día de hoxe. Non é raro que na vosa actividade teñades que enfrontarvos a algún texto en inglés. Imos facer unha proba de cal é o noso nivel neste aspecto traducindo o anuncio de contratación da actividade 18. Publica o resultado nun post, xunto coa referencia ás páxinas web que usaches para facer a tradución. Ademais, fai unha listaxe con enlaces a varios xornais internacionais escritos en inglés onde publicarías o anuncio.

13.5.10

Escribir unha carta, actividade 22

Como emprendedor/a xa tes posta en marcha a túa iniciativa empresarial. No teu traballo é frecuente que teñas que comunicarte por escrito con algunha insitución, organismo ou con outros empresarios. É importante saber como comunicarse, como estruturar unha carta con concisión, corrección e concreción. Inicia a túa correspondencia comunicándolle á concelleira do ramo no teu Concello cal é a túa iniciativa empresarial e solicitándolle información e colaboración para o teu proxecto, destacándolle os beneficios que terá para Vilalba.
Deberá ser unha carta formal inda que cordial. Inclúe o teu nome como promotor/a do proxecto, o teu DNI, cargo ou profesión, enderezo, correo electrónico e teléfono de contacto.

Obxectivos, actividade 21

En calquera proxecto emprendedor podemos distinguir dous tipos de obxectivos: cuantitativos e cualitativos. Imaxina, por exemplo, que no IES se decidise facer unha excursión ao paseo da Madalena, pola beira do río. Se analizamos cales son os obxectivos da actividade podemos dicir que conseguir que polo menos 30 alumnos se apunten sería un obxectivo cuantitativo, mentres que sensibilizar aos excursionistas do importante que é o coidado da natureza sería un obxectivo cualitativo.
Intenta facer a mesma análise co teu proxecto empresarial. Sinala nun post dous obxectivos cuantitativos e dous cualitativos para ela.

29.4.10

Buscando traballo, actividade 20


Hoxe ímonos poñer no caso de termos que buscar traballo. Escolle unha das ofertas de emprego dos teus compañeiros e presenta un currículo para optar a ese posto. Segue algún dos modelos que podes atopar na internet. Publica no teu blog o currículum. Se sodes dous os autores do blog, facede un curriculum cada un de vós.

27.4.10

Buscando información para emprender en Vilalba, actividade 19

Desde diferentes institucións e asociación préstase orientación, apoio e incluso subvencións e axudas para iniciativas emprendedoras e proxectos de empresa. Fai unha pequena investigación para ver onde poderías topar información deste tipo en Vilalba. O Concello, a Oficina do INEM, algunha Asociación de Empresarios ou Comerciantes poderían servirche de axuda. Coa información recollida elabora un post, e preséntalle tamén aos teus compañeiros o resultado. Podes tamén ensinar algún folleto informativo se é que o traes.

22.4.10

Contratación de persoal, actividade 18

Imaxina que xa tes montada a empresa e que precisas unha persoa empregada. Consulta diferentes xornais e/ou páxinas web de busca de emprego para mirar un modelo de anuncio de contratación e elabora un co perfil de traballador/a que buscas.
Entre as diferentes webs privadas que se adican en exclusiva á xestion de oferta e busca de empregos están infoempleo.com, trabajar.com, empleo.com e infojobs.net. Unha web en galego para buscar traballo en Galiza é cimoemprego.com. Tamén podemos atopar seccións específicas dos xornais en papel ou no seu formato electrónico, como a de El País, elpais.com empleo.


Por outra banda, podemos atopar anuncios de emprego en webs vinculadas a institucións públicas. Este é o caso do INEM (Instituto Nacional de Empleo) coa súa redtrabaj@, o Portal de emprego da Xunta de Galicia, a Oficina de Orientación ao Emprego da Universidade de Vigo, ou aquelas que manteñen diferentes concellos, como é o caso do Servizo de Promoción Económica e Emprego do Concello da Coruña.


Visita estas webs e algunha outra que atopes a maiores para facerte unha idea de anuncio de contratación. Fíxate ademais no tipo de empregos máis solicitados nestas páxinas e publica xunto co teu anuncio unha listaxe de dez empregos que tiñan solicitudes xunto cos seus enlaces.


8.4.10

Inventos e inventores, actividade 17


Hoxe imos facer unha busca rápida en internet. É unha boa práctica para ir collendo maneiras nisto, pois internet é unha axuda básica nos tempos de hoxe para obter información.

Une os seguintes inventos cos seus inventores.

INVENTOS: Xadrez, alfabeto morse, autoxiro, lámpada incandescente, calculadora, cine sonoro, dinamita, escritura para cegos, guillotina, imprenta, máquinas voadoras, pararraios, pila eléctrica, radio, raios X, sobre, submarino, teléfono, telescopio, termómetro de mercurio, termómetro en graos centígrados.

INVENTORES: Alexander Bell, Louis Braille, Brewer, Anders Celsius, Juan de la Cierva, Isaac Peral, Daniel Fahrenheit, Benjamin Franklin, Galileo Galilei, Joseph Guillotín, Gutemberg, Auguste Lacoste, Gugliermo Marconi, Samuel Morse, Alfredo Nobel, Blaise Pascal, Thomas Edison, Leonardo da Vinci, Alejandro Volta, Sisa, Roentgen.

Por último busca tamén os países de onde eran ou son estes inventores.
Redacta un post coa solución.
.
FONTE: Ficha B1-F036 http://www.iniciativaemprendedora.org/, BIC Galicia.

6.4.10

Poñerse en marcha, actividade 16


Coas ideas máis ou menos claras comezamos a posta en marcha do noso proxecto. Das dúas opcións que explicaches na actividade 13 escolle unha para facer o teu proxecto. Redacta un post onde expliques esta opción e como vas comezar a elaborala. Onde irías pedir información? Que cousas precisas para comezar?

5.3.10

Traballar sós, traballar acompañados, actividade 15

Traballas mellor só ou traballas mellor en equipo?
É probable que te teñas feita xa esta pregunta algunha vez, ou se cadra non, pero unha das cousas coas que temos que lidiar no noso traballo é co contacto con outras persoas. Pensa ben nas túas características ao deseñar o teu proxecto de empresa, dáseche ben cooperar?

Fai este test para ver se ou non unha persoa asertiva, característica que te axudará a desenvolver con mellor resultado as túas tarefas e a relación cos demais. Cóntanos o resultado nun post e saca as túas conclusións.

Logo engade cales son as vantaxes e inconvenientes do traballo en equipo e cal é a clasificación das empresas en función do seu tamaño, marcando as características de cada tipo.

Novos conceptos, novas opcións, actividade 14


Á hora de decidir montar unha empresa nun contexto social e económico como o que vivimos actualmente, cómpre ter en conta conceptos como o desenvolvemento sostible, do que xa falamos noutra actividade, e todos aqueles que teñen que ver con opcións económicas, sociais, enerxéticas... máis respectuosas cos dereitos do planeta, dos seres humanos e dos outros seres vivos cos que convivimos.

En relación a isto, debemos contemplar opcións e custións como a do comercio xusto, as enerxías alternativas, conciliación da vida familiar e laboral, dereitos dos traballadores, produción ecolóxica, finanzas éticas, consumo responsable...

Fai unha pescuda en internet para obter información sobre estas cuestións. Despois escribe un post onde resumas as vantaxes destas opcións, os problemas que teñen hoxendía, e onde expoñas se coñeces algunha iniciativa neste sentido na nosa comarca ou cales das que viches por internet che chamou a atención e porqué. Desenvolverías algunha iniciativa emprendedora nesta liña? Cres que podes adaptar a túa idea empresarial a estes principios éticos?

25.2.10

Tomar decisións, actividade 13


Chega o momento de comezar a tomar certas decisións, de escoller o camiño que imos seguir. É hora de que penses nas ideas para montar unha empresa, unha iniciativa emprendedora. Imos ver as formas xurídicas que lle podemos dar, pero é conveniente que primeiro vaias tendo unha idea aproximada de que tipo de actividade che gustaría desenvolver e que teñen certas posibilidades de saír adiante na zona xeográfica en que queiras ubicala.

Cada un de nós somos un pouco bos nalgo, polo menos máis que as persoas do noso contorno. Ademais, temos experiencias e coñecementos propios que tamén forman parte das nosas calidades. A partir diso, pensa que iniciativas e ideas poderías levar a cabo con maior garantía de éxito.

A análise do ámbito territorial onde queres asentarte é un punto de partida importante. O Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia ten na súa páxina web unha serie de recursos importantes neste sentido. Entra nela e na parte adicada a recursos bótalle unha ollada ás oportunidades de negocio e ás oportunidades de negocio en entornos locais. Poderás ver a análise de certas ideas empresariais que se entenden convenientes hoxendía e tamén as actividades que en principio son mellores segundo que zonas de Galiza. Consulta tamén o banco de ideas e proxectos do BIC Galicia para ver as fichas de certas ideas que xa se converteron en empresas.

Con toda esta información e reflexión, escribe un post onde propoñas cando menos dúas iniciativas empresariais e valores os seus pros e contras e os porqués da túa escolla.

5.2.10

Avaliar ideas, actividade 12


María frecuenta desde hai anos un pequeno negocio familiar dedicado á venda de produtos alimenticios. Poderiamos dicir que se trata do típico "ultramarinos" ou tenda de de barrio. O establecemento está instalado nunha zona urbana e de gran movemento. Porén, a forte competencia, sobre todo das grandes cadeas e superficies, fixo que nos últimos anos diminuíran as súas vendas. É por iso polo que está avaliando unha serie de ideas con obxecto de mellorar a rendibilidade do seu negocio.

-Posto que é difícil competir en prezos coas grandes cadeas e supermercados, pensou en especializarse en produtos artesanais e de calidade, así como importados, etc.

-Ofrecer servizos a maiores como pode ser levar a compra a casa.

-Integrarse dentro dunha rede de comerciantes que realiza actividades de promoción, concede tickets desconto para parkins, etc.

-Cambiar toda a carteleira do local. Pensou en empregar cores vivas e agresivas.

-Vender o establecemento.

-Como non ve moita saída á súa actividade, pensou en pechar o ultramarinos e montar no seu lugar unha tenda de roupa para xente nova.

-Non facer nada.



Cuestións:

-Que opinión che merecen estas ideas?

-Cales cres que son máis fáciles de poñer en práctica?

-Que aspectos terías en conta á hora de avaliar estas ideas?

-Que outras ideas se che ocorren para mellorar?
.
FONTE: Ficha B1-F041 http://www.iniciativaemprendedora.org/, BIC Galicia.

29.1.10

Tucker, actividade 11


Para entrar en materia logo das vacacións do Nadal estivemos vendo a película Tucker. Un hombre y su sueño. Agora toca que reflexiones sobre o que vimos e fagas un post. Resume brevemente a película, incluíndo as datas de nacemento e morte de Tucker e da creación do seu coche, escribe unha opinión razonada e responde as seguintes preguntas:
-Cal ou cales son as claves do éxito inicial da empresa de Tucker? Cal era a súa idea innovadora?
-Que provoca que finalmente fracase?
-Como describirías a personalidade de Preston Tucker?
-Reúne as cualidades necesarias para ser un bo empresario? Que habilidades emprendedoras atopas nel?
Coma sempre, cómpre que uses algunha imaxe para ilustrar o post. Nesta ocasión deberás atopar unha imaxe do Preston Tucker verdadeiro e do coche orixinal, non o da película.