Mostrando entradas con la etiqueta ética. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ética. Mostrar todas las entradas

5.3.10

Novos conceptos, novas opcións, actividade 14


Á hora de decidir montar unha empresa nun contexto social e económico como o que vivimos actualmente, cómpre ter en conta conceptos como o desenvolvemento sostible, do que xa falamos noutra actividade, e todos aqueles que teñen que ver con opcións económicas, sociais, enerxéticas... máis respectuosas cos dereitos do planeta, dos seres humanos e dos outros seres vivos cos que convivimos.

En relación a isto, debemos contemplar opcións e custións como a do comercio xusto, as enerxías alternativas, conciliación da vida familiar e laboral, dereitos dos traballadores, produción ecolóxica, finanzas éticas, consumo responsable...

Fai unha pescuda en internet para obter información sobre estas cuestións. Despois escribe un post onde resumas as vantaxes destas opcións, os problemas que teñen hoxendía, e onde expoñas se coñeces algunha iniciativa neste sentido na nosa comarca ou cales das que viches por internet che chamou a atención e porqué. Desenvolverías algunha iniciativa emprendedora nesta liña? Cres que podes adaptar a túa idea empresarial a estes principios éticos?

12.11.09

Ética e empresa, actividade 8

Ser empresario non é sinónimo de ser un explotador, por moito que a sociedade de hoxe en día teña moitos exemplos de empresarios que son dese xeito. Vivimos nun mundo capitalista, onde a propiedade privada dos medios de produción é un piar básico e amorear capital é a aspiración de moita xente. Inda así, hai iniciativas empresariais que buscan beneficio económico, xaora, pero non a custa dos dereitos dos traballadores nin dos dereitos da Terra, do medio ambiente.
O concepto da sostenibilidade é básico no mundo actual, cos problemas de cambio climático, da xestión e escaseza da auga e doutros recursos como os combustibles fósiles. Cando vimos a iniciativa empresarial de Biocoop, xa nos achegamos a formas máis lóxicas de desenvolvemento empresarial.
Este é o primeiro post que lle dedicamos ás maneiras de producir diferentes, respectuosas en maior medida do que as máis xeralizadas, tanto no seu sistema organizativo (aquí destacamos o papel das cooperativas) como na súa maneira de produción.
Para realizar o teu post busca información sobre que é o capitalismo e sobre algunhas ideas, teorías e ideoloxías que se contrapoñan a este sistema económico. Busca tamén que é desenvolvemento sostible. Con toda esa información redacta un post no que fales dos problemas da produción capitalista e das vantaxes do desenvolvemento sostible. Que labor deberían levar a cabo os gobernos na situación económica e social actual?
Coas vosas opinións faremos un debate na clase e deberemos poñerlle un comentario a cada compañeiro no seu blog. Coma sempre, intenta poñer enlaces onde ampliar a información e inclúe algunha foto e/ou vídeo.