27.11.09

Coñecemos emprendedores, actividade 10

Prepara as preguntas para facerlle unha entrevista a unha persoa emprendedora da nosa vila. Faille as preguntas e publica a entrevista no teu blog acompañándoa de fotografías do encontro.

Intenta reflectir na entrevista que razóns levaron a esta persoa a montar a súa empresa, se existen precedentes na súa familia, que axudas e inversión precisou nun comezo, onde se informou de axudas e subvencións, que situación actual ten (número de traballadores, radio de influencia do negocio), que servizos precisa no seu desenvolvemento cotián (xestoría, limpeza, transporte).



26.11.09

Nanotectoloxía... ideas pequeniñas?, actividade 9


No programa Hoy por Hoy da Cadena Ser teñen unha sección moi interesante todos os luns. Chámase Que hay de nuevo? e nela falan das novidades tecnolóxicas, de inventos e de novas maneiras de facer cousas. Este pasado luns día 23 entrevistaron a un investigador experto en nanotecnoloxía. Desde logo, esta persoa é unha persoa emprendedora que achega novas ideas. Imos aproveitar esta cuestión para abrir unha nova porta á información na internet, a que nos achega a posibilidade de escoitar programas de radio despois de seren xa emitidos. Desta volta, facilítovos eu o programa. Sobre o minuto 30 deste audio comeza esta entrevista, escóitaa e dá resposta a estas preguntas:

-Como se chama o investigador?

-Que é a nanotecnoloxía?

-Que é unha patente?

-Que aplicación da nanotecnoloxía das que se citan che gustou máis? Por que?

-Destaca unha frase deste científico como se tiveras que escoller un titular para unha noticia.











12.11.09

Ética e empresa, actividade 8

Ser empresario non é sinónimo de ser un explotador, por moito que a sociedade de hoxe en día teña moitos exemplos de empresarios que son dese xeito. Vivimos nun mundo capitalista, onde a propiedade privada dos medios de produción é un piar básico e amorear capital é a aspiración de moita xente. Inda así, hai iniciativas empresariais que buscan beneficio económico, xaora, pero non a custa dos dereitos dos traballadores nin dos dereitos da Terra, do medio ambiente.
O concepto da sostenibilidade é básico no mundo actual, cos problemas de cambio climático, da xestión e escaseza da auga e doutros recursos como os combustibles fósiles. Cando vimos a iniciativa empresarial de Biocoop, xa nos achegamos a formas máis lóxicas de desenvolvemento empresarial.
Este é o primeiro post que lle dedicamos ás maneiras de producir diferentes, respectuosas en maior medida do que as máis xeralizadas, tanto no seu sistema organizativo (aquí destacamos o papel das cooperativas) como na súa maneira de produción.
Para realizar o teu post busca información sobre que é o capitalismo e sobre algunhas ideas, teorías e ideoloxías que se contrapoñan a este sistema económico. Busca tamén que é desenvolvemento sostible. Con toda esa información redacta un post no que fales dos problemas da produción capitalista e das vantaxes do desenvolvemento sostible. Que labor deberían levar a cabo os gobernos na situación económica e social actual?
Coas vosas opinións faremos un debate na clase e deberemos poñerlle un comentario a cada compañeiro no seu blog. Coma sempre, intenta poñer enlaces onde ampliar a información e inclúe algunha foto e/ou vídeo.



Repasando conceptos básicos, actividade 7

A estas alturas do curso é boa cousa recapitular e ver que claras temos as cousas que aprendemos. Realiza un post onde definas os conceptos básicos da materia: obradoiro, iniciativa, emprender, emprendedor, empresario, idea emprendedora, proxecto ou plan de empresa, empresa, ánimo de lucro.