28.5.10

Siglas e máis siglas, actividade 24

Diante das noticias económicas que nos abafan estes días, diante das novas en xeral e tamén diante das xestións que deberiamos facer para levar adiante o noso proxecto, xorden unha chea de siglas ás que a miúdo non lles sabemos atopar significado.
Busca en internet o significado das seguintes: IPC, CEOE, CIG, CUT, SMI, UGT, CCOO, PIB, IRPF, IVE, FMI, ETT, BCE, ERE, TAE.

21.5.10

In english, actividade 23


O inglés é unha lingua que ten un carácter instrumental moi marcado no día de hoxe. Non é raro que na vosa actividade teñades que enfrontarvos a algún texto en inglés. Imos facer unha proba de cal é o noso nivel neste aspecto traducindo o anuncio de contratación da actividade 18. Publica o resultado nun post, xunto coa referencia ás páxinas web que usaches para facer a tradución. Ademais, fai unha listaxe con enlaces a varios xornais internacionais escritos en inglés onde publicarías o anuncio.

13.5.10

Escribir unha carta, actividade 22

Como emprendedor/a xa tes posta en marcha a túa iniciativa empresarial. No teu traballo é frecuente que teñas que comunicarte por escrito con algunha insitución, organismo ou con outros empresarios. É importante saber como comunicarse, como estruturar unha carta con concisión, corrección e concreción. Inicia a túa correspondencia comunicándolle á concelleira do ramo no teu Concello cal é a túa iniciativa empresarial e solicitándolle información e colaboración para o teu proxecto, destacándolle os beneficios que terá para Vilalba.
Deberá ser unha carta formal inda que cordial. Inclúe o teu nome como promotor/a do proxecto, o teu DNI, cargo ou profesión, enderezo, correo electrónico e teléfono de contacto.

Obxectivos, actividade 21

En calquera proxecto emprendedor podemos distinguir dous tipos de obxectivos: cuantitativos e cualitativos. Imaxina, por exemplo, que no IES se decidise facer unha excursión ao paseo da Madalena, pola beira do río. Se analizamos cales son os obxectivos da actividade podemos dicir que conseguir que polo menos 30 alumnos se apunten sería un obxectivo cuantitativo, mentres que sensibilizar aos excursionistas do importante que é o coidado da natureza sería un obxectivo cualitativo.
Intenta facer a mesma análise co teu proxecto empresarial. Sinala nun post dous obxectivos cuantitativos e dous cualitativos para ela.

29.4.10

Buscando traballo, actividade 20


Hoxe ímonos poñer no caso de termos que buscar traballo. Escolle unha das ofertas de emprego dos teus compañeiros e presenta un currículo para optar a ese posto. Segue algún dos modelos que podes atopar na internet. Publica no teu blog o currículum. Se sodes dous os autores do blog, facede un curriculum cada un de vós.

27.4.10

Buscando información para emprender en Vilalba, actividade 19

Desde diferentes institucións e asociación préstase orientación, apoio e incluso subvencións e axudas para iniciativas emprendedoras e proxectos de empresa. Fai unha pequena investigación para ver onde poderías topar información deste tipo en Vilalba. O Concello, a Oficina do INEM, algunha Asociación de Empresarios ou Comerciantes poderían servirche de axuda. Coa información recollida elabora un post, e preséntalle tamén aos teus compañeiros o resultado. Podes tamén ensinar algún folleto informativo se é que o traes.

22.4.10

Contratación de persoal, actividade 18

Imaxina que xa tes montada a empresa e que precisas unha persoa empregada. Consulta diferentes xornais e/ou páxinas web de busca de emprego para mirar un modelo de anuncio de contratación e elabora un co perfil de traballador/a que buscas.
Entre as diferentes webs privadas que se adican en exclusiva á xestion de oferta e busca de empregos están infoempleo.com, trabajar.com, empleo.com e infojobs.net. Unha web en galego para buscar traballo en Galiza é cimoemprego.com. Tamén podemos atopar seccións específicas dos xornais en papel ou no seu formato electrónico, como a de El País, elpais.com empleo.


Por outra banda, podemos atopar anuncios de emprego en webs vinculadas a institucións públicas. Este é o caso do INEM (Instituto Nacional de Empleo) coa súa redtrabaj@, o Portal de emprego da Xunta de Galicia, a Oficina de Orientación ao Emprego da Universidade de Vigo, ou aquelas que manteñen diferentes concellos, como é o caso do Servizo de Promoción Económica e Emprego do Concello da Coruña.


Visita estas webs e algunha outra que atopes a maiores para facerte unha idea de anuncio de contratación. Fíxate ademais no tipo de empregos máis solicitados nestas páxinas e publica xunto co teu anuncio unha listaxe de dez empregos que tiñan solicitudes xunto cos seus enlaces.