30.10.09

Buscando ideas, actividade 6

Xa temos visto até o de agora varias ideas de proxectos emprendedores, tanto na nosa vila coma no noso centro educativo. As novas dos medios de comunicación ás veces inclúen referencias a persoas ou grupos que deciden emprender cousas diferentes, ás veces moi arriscadas. Xa lestes dous textos facilitados pola web Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras, "Nenos con ideas que valen millóns" e "Bistés coma os de antes". Dá a túa opinión sobre cada un dos textos, achegando algún enlace web onde poidamos ampliar a información sobre as iniciativas das que falan.

Logo diso, consulta a web ideas4all, le algunhas das ideas máis votadas e expón no teu blog cal che gustou máis e cal menos, cal che parece máis útil ou doada de realizar e cal máis inútil ou complexa.

Ideas e máis ideas. A pensar!


Recursos: Ficha B1-F003 e B1-F004 www.iniciativaemprendedora.org, BIC Galicia.

22.10.09

Prensa e economía, actividade 5

Os temas económicos aparecen de maneira cotiá nos diferentes medios de comunicación. Para calquera persoa que estea interesada no que pasa no mundo, desde a contorna propia ata os lugares máis afastados, precisa acudir á televisión, á prensa escrita ou dixital... A rede axúdanos a estar en contacto co mundo e coñecer o que pasa ao redor dunha maneira máis inmediata, á vez que podemos contrastar diferentes tipos de enfoques e opinións, xa que ben sabemos que os diferentes medios de comunicación seguen unha liña editorial que os fai non expoñeren as cousas do mesmo xeito nin facer fincapé nos mesmos temas.
No tocante á prensa que nos aparece en internet, é boa cousa que fagamos unha lista de enlaces aos xornais electrónicos onde poidamos ler diferentes cuestións de economía, ás veces por seren xornais económicos, ás veces por teren seccións de economía. En base aos que aparecen no blog da profesora, e engadindo aqueles que ti queiras a maiores, fai esta lista de enlaces no teu blog co nome de "prensa".
Unha vez teñas feito iso, fai un post onde resumas e comentes as noticias económicas máis destacables do día. A ese post ponlle como título "Prensa e economía, actividade 5".


Emprendendo no noso centro educativo, actividade 4



Redacta un artigo para o teu blog baseado na ficha B0 F002 da web Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras xestionada por BIC Galicia, ficha que che foi facilitada mediante correo electrónico. Intenta informarte a través de persoas que teñan participado activamente na iniciativa que escollas reseñar, e completa o artigo con algunha foto do centro ou da propia actividade. Podes buscar as imaxes na internet ou pedirllas a alguén do centro.

Recursos: Ficha B0-F002 www.iniciativaemprendedora.org, BIC Galicia.



16.10.09

O mundo emprendedor na nosa vila, actividade 3

Agora que xa sabemos cales son as características dunha persoa emprendedora, e sabemos tamén que tipo de iniciativas se poden considerar como emprendedoras, imos analizar a nosa realidade máis achegada: a nosa vila. Lembra que, inda que habitualmente se fale do espírito emprendedor no eido económico, tamén podemos atopar unha persoa emprendedora no ámbito da política, da cultura... é dicir, tanto é unha iniciativa emprendedora crear unha empresa como crear unha asociación cultural, unha revista, ou unha festa gastronómica.
Redacta un artigo no teu blog onde fagas unha pequena descrición do sector empresarial en Vilalba e doutro tipo de actividades emprendedoras: que tipo de empresas hai, que sector económico é o maioritario, que empresas de Vilalba son coñecidas no exterior da nosa comarca, que festas e feiras hai, que asociacións culturais… Inclúe tamén unha valoración en función das túas inquedanzas: que tipo de empresas che parecen máis interesantes, que empresas botas en falta, que iniciativas farías ti…
Para contextualizar o teu post, podes comezar situando Vilalba e dando algúns datos, como a poboación ou extensión. É necesario que acompañes o texto con cando menos dúas imaxes ilustrativas, e que fagas un mínimo de dous enlaces a páxinas web onde se poida completar ou complementar a información que ti ofreces.

15.10.09

Vídeo sobre o espírito emprendedor, actividade 2

Ao igual que comezamos este blog cun vídeo sobre os emprendedores, agora é o teu turno. Vai a http://www.youtube.com/ e visiona algúns vídeos sobre os emprendedores, iniciativas emprendedoras... Escolle o que máis che guste e fai unha nova entrada no teu blog, explicando de que vai o vídeo e as razóns que te levaron a escoller este.
O vídeo podes insertalo na propia entrada ou ben facer un enlace para velo en youtube. Nas etiquetas da entrada e acompañando o título do post debes poñer Actividade 2.

8.10.09

Creamos un blog, actividade 1

Como primeira actividade imos facer un blog para a materia, de maneira individual ou por parellas. Para iso utilizaremos Blogger, entrando en www.blogger.com e accedendo coa conta de Gmail que previamente activaremos no caso de que non a teñamos xa.

Neste blog iremos resolvendo e publicando as diferentes actividades do curso, e boa parte da nota da materia ha depender do traballo que fagades neste caderno vitual.

4.10.09

Empezamos

Este é o blog da materia Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras, curso 2009-2010, no IES Santiago Basanta Silva de Vilalba. A través deste blog iremos afondando nos contidos e actividades, e propoñendo cousas que teredes que facer nos vosos respectivos blogs. Agardo que resulte interesante a proposta, que nace de observar outros recursos deste estilo que se veñen creando ultimamente na rede. Para eles o noso recoñecemento!

Para ir abrindo boca, imos ver a través de youtube un divertido vídeo sobre o concepto do emprendedor. Aquí está: