4.6.10

Malas novas, actividade 25

É dinámica habitual nestes tempos prender a radio ou a televisión e escoitar malas novas. Hoxe pasoume iso e o que escoitei dáme pé a propoñerche unha nova actividade. Busca na rede información sobre o problema laboral ao que se enfrontan os traballadores da fábrica CISA en Calatayud, resume a nova, expresa a túa opinión e contesta as seguintes preguntas:

-Que é unha deslocalización?

-Por que a empresa quere levar a produción a Turquía?

-Que é un comité de empresa?

Podes escoitar a noticia no Programa Hoy por Hoy da cadena Ser (venres, 4 de xuño do 2010, sobre as 09:15 da mañá), tes que ir á páxina web e buscar o programa dese día.

Tamén podes formar a túa opinión lendo moitos blogs e páxinas web, entra neste, por exemplo, e mira as viñetas humorísticas que inclúe, cal che gusta máis, por que?

28.5.10

Siglas e máis siglas, actividade 24

Diante das noticias económicas que nos abafan estes días, diante das novas en xeral e tamén diante das xestións que deberiamos facer para levar adiante o noso proxecto, xorden unha chea de siglas ás que a miúdo non lles sabemos atopar significado.
Busca en internet o significado das seguintes: IPC, CEOE, CIG, CUT, SMI, UGT, CCOO, PIB, IRPF, IVE, FMI, ETT, BCE, ERE, TAE.

21.5.10

In english, actividade 23


O inglés é unha lingua que ten un carácter instrumental moi marcado no día de hoxe. Non é raro que na vosa actividade teñades que enfrontarvos a algún texto en inglés. Imos facer unha proba de cal é o noso nivel neste aspecto traducindo o anuncio de contratación da actividade 18. Publica o resultado nun post, xunto coa referencia ás páxinas web que usaches para facer a tradución. Ademais, fai unha listaxe con enlaces a varios xornais internacionais escritos en inglés onde publicarías o anuncio.

13.5.10

Escribir unha carta, actividade 22

Como emprendedor/a xa tes posta en marcha a túa iniciativa empresarial. No teu traballo é frecuente que teñas que comunicarte por escrito con algunha insitución, organismo ou con outros empresarios. É importante saber como comunicarse, como estruturar unha carta con concisión, corrección e concreción. Inicia a túa correspondencia comunicándolle á concelleira do ramo no teu Concello cal é a túa iniciativa empresarial e solicitándolle información e colaboración para o teu proxecto, destacándolle os beneficios que terá para Vilalba.
Deberá ser unha carta formal inda que cordial. Inclúe o teu nome como promotor/a do proxecto, o teu DNI, cargo ou profesión, enderezo, correo electrónico e teléfono de contacto.

Obxectivos, actividade 21

En calquera proxecto emprendedor podemos distinguir dous tipos de obxectivos: cuantitativos e cualitativos. Imaxina, por exemplo, que no IES se decidise facer unha excursión ao paseo da Madalena, pola beira do río. Se analizamos cales son os obxectivos da actividade podemos dicir que conseguir que polo menos 30 alumnos se apunten sería un obxectivo cuantitativo, mentres que sensibilizar aos excursionistas do importante que é o coidado da natureza sería un obxectivo cualitativo.
Intenta facer a mesma análise co teu proxecto empresarial. Sinala nun post dous obxectivos cuantitativos e dous cualitativos para ela.

29.4.10

Buscando traballo, actividade 20


Hoxe ímonos poñer no caso de termos que buscar traballo. Escolle unha das ofertas de emprego dos teus compañeiros e presenta un currículo para optar a ese posto. Segue algún dos modelos que podes atopar na internet. Publica no teu blog o currículum. Se sodes dous os autores do blog, facede un curriculum cada un de vós.

27.4.10

Buscando información para emprender en Vilalba, actividade 19

Desde diferentes institucións e asociación préstase orientación, apoio e incluso subvencións e axudas para iniciativas emprendedoras e proxectos de empresa. Fai unha pequena investigación para ver onde poderías topar información deste tipo en Vilalba. O Concello, a Oficina do INEM, algunha Asociación de Empresarios ou Comerciantes poderían servirche de axuda. Coa información recollida elabora un post, e preséntalle tamén aos teus compañeiros o resultado. Podes tamén ensinar algún folleto informativo se é que o traes.